As accións formativas do programa Incorpora chegan a 60 persoas en 2025 da man da Fundación Érguete-Integración
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
As accións formativas do programa Incorpora chegan a 60 persoas en 2025 da man da Fundación Érguete-Integración
Antía Cisneros, secretaria da Fundación Érguete-Integración, Maite Pena, coordinadora das accións formativas en Érguete-Integración, e Carlos Rosón, director de Igaxes, durante o acto.
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu o 11 de decembro de 2025 o acto de clausura das accións formativas desenvolvidas durante o ano pola Fundación Érguete-Integración no marco do programa Incorpora da Fundación ”la Caixa”.
O encontro reuniu a alumnado, empresas colaboradoras e entidades da rede Incorpora en Galicia, e serviu para facer balance dun curso no que 60 persoas participaron nas formacións desenvolvidas pola entidade como parte dos seus itinerarios de inserción laboral.
O programa Incorpora como motor de oportunidades laborais
A apertura do acto correu a cargo de Antía Cisneros, secretaria da Fundación Érguete-Integración, quen felicitou o alumnado polo esforzo realizado e agradeceu a implicación das entidades e empresas que fan posible este proxecto.
Carlos Rosón, director de Igaxes, entidade coordinadora do Grupo Incorpora en Galicia, puxo en valor o impacto social do programa Incorpora e a importancia do traballo en rede entre os distintos axentes para favorecer a inserción laboral de persoas en situación de vulnerabilidade ante o emprego.
Durante o acto, Maite Pena, coordinadora das accións formativas que desenvolve o programa Incorpora en Érguete-Integración, presentou os resultados do ano. En total, 49 persoas finalizaron con éxito algunha das tres formacións impartidas: Operacións Básicas de Almacén, Persoal de Limpeza e Auxiliar de Venda e Atención á Clientela.
Estas accións formativas impulsaron, ata o momento, 27 insercións laborais de participantes do programa. Algunhas destas insercións producíronse nas mesmas empresas onde realizaran as prácticas non laborais do curso.
A importancia da colaboración das empresas con compromiso social para o modelo Incorpora
A xornada contou tamén coa intervención de Rocío Domínguez, responsable de prospección empresarial da entidade, quen destacou o compromiso e a implicación das empresas colaboradoras que cada ano acollen alumnado en prácticas e que, con isto, ademais de axudar os participantes, reforzan as súas políticas de responsabilidade social corporativa.
Dende a Fundación Érguete-Integración subliñouse a importancia de adaptar de forma continua as formacións ás necesidades reais do mercado laboral, unha tarefa que se realiza grazas á estreita colaboración co tecido empresarial da contorna e que constitúe un dos piares do modelo Incorpora.
Formación e acompañamento para mellorar a empregabilidade de colectivos vulnerables
Tras as intervencións, procedeuse á entrega dos diplomas acreditativos ao alumnado. A entidade aproveitou o acto para agradecer, un ano más, a implicación das organizacións que forman parte da rede Incorpora en Galicia, Igaxes, Saúde Mental FEAFES Galicia, COGAMI e Fundación Juan Soñador, así como do Banco de Alimentos de Vigo, que colabora habitualmente no desenvolvemento das accións formativas.
Os cursos que se inclúen nos itinerarios de inserción laboral do programa Incorpora teñen como obxectivo mellorar o perfil profesional de persoas en risco de exclusión social. Para iso, combinan a capacitación técnica co desenvolvemento de competencias transversais como a comunicación, o autocoñecemento, a resolución de conflitos ou o traballo en equipo.
Ademais, os técnicos Incorpora ofrecen ás persoas participantes orientación para a busca activa de emprego e un acompañamento individualizado segundo as súas necesidades e situacións persoais e laborais. Isto reforza as súas posibilidades reais de inserción laboral e consolida o impacto do programa Incorpora en colectivos vulnerables.


