Un grupo de 22 participantes do programa Reincorpora impulsa unha campaña de sensibilización sobre os riscos do alcohol

Un grupo de 22 participantes do programa Reincorpora impulsa unha campaña de sensibilización sobre os riscos do alcohol

Jenifer Dios e Saray Fernández, técnicas do programa Reincorpora, xunto a varios participantes do programa Reincorpora, durante un dos actos da campaña de concienciación.

O programa Reincorpora é unha iniciativa impulsada pola Fundación ”la Caixa” en colaboración co Ministerio do Interior que, a través da Entidade Estatal Traballo Penal e Formación para o Emprego, desenvolve itinerarios personalizados de inserción sociolaboral con persoas privadas de liberdade.

Neste marco, un grupo de 22 persoas privadas de liberdade do Centro Penal A Lama e do Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño de Vigo, coordinadas pola Fundación Érguete-Integración, creou unha campaña de sensibilización sobre o consumo de alcohol. A iniciativa busca sensibilizar mozos e colectivos vulnerables sobre os riscos asociados ao alcohol, combinando formación, obradoiros creativos e pezas audiovisuais que reflicten as experiencias reais dos participantes.

Transformando experiencias pasadas nunha campaña de sensibilización

A campaña presentouse en centros penais e ante o alumnado de formación profesional básica e do ciclo superior de Integración Social, co obxectivo de sensibilizar sobre os efectos do alcohol en colectivos vulnerables. Este enfoque permite que a campaña conecte directamente coa realidade de quen a recibe, mostrando historias reais e aprendizaxes persoais.

Baixo o lema “O erro foi meu. A elección é túa” e os cancelos #OMeuErroATúaElección #DecideSenAlcohol, a campaña inclúe cinco vídeos curtos e un vídeo principal que reflicte como un consumo social pode derivar en dependencia, enfermidade e exclusión. 

Un dos participantes comparte a súa experiencia: “O alcohol cambioume. Atraíame moito máis o alcohol que outras drogas. Cando consumía, non pensaba con claridade, non distinguía o ben do mal e era moi agresivo; iso tróuxome moitos problemas”. Estas historias proporcionan autenticidade e forza á mensaxe da campaña e fana próxima e real para quen a ve.

Formación e reflexión para impulsar a reinserción sociolaboral

Antes de deseñar a campaña, os grupos participantes do CIS e do centro penal asistiron a varias sesións formativas da man das técnicas do programa Reincorpora, nas que se abordaron os efectos do alcohol sobre a saúde, a conduta, as relacións sociais e o desempeño laboral. 

Ademais, os participantes tamén avaliaron varias campañas institucionais de prevención e debateron sobre a normalización do consumo de alcohol na nosa cultura. Este proceso fomentou a reflexión individual e colectiva e levou a algúns internos a recoñecer o papel do alcohol nas súa vidas. Un deles lembra: “Custoume moito deixalo, o mono do alcohol é horrible. Tiña frío, atopábame moi mal, non tiña gana de facer nada, estaba moi abafado. O mono paseino só na miña cela. Axudoume moito ler libros”.

Outro participante destaca a dimensión educativa da campaña: “Quero educar os meus fillos para que, se consumen alcohol, o fagan de forma adecuada. Falarlles sobre o tema e ensinarlles as consecuencias”, comenta.

Grazas a estas reflexións e ao traballo en grupo, esta campaña de sensibilización converteuse nunha ferramenta de reinserción sociolaboral que conecta coa realidade dos participantes e cos colectivos aos que se pretende sensibilizar.

O programa Reincorpora: aprendizaxe e reflexión para impulsar a reinserción sociolaboral

O traballo desenvolvido antes, durante e despois da campaña permitiu aos internos fortalecer a súa participación social, o que demostra que a reinserción sociolaboral tamén implica contribuír ao ben común e colaborar na comunidade.

Grazas a esta iniciativa, foméntanse procesos de cambio persoal e colectivo mediante o traballo grupal e o servizo á comunidade, fortalécense os itinerarios de inserción sociolaboral dos participantes e déixase un impacto positivo na sociedade.

A través desta actividade, o programa Reincorpora e os centros penais de Pontevedra reforzan o seu compromiso coa prevención do consumo de substancias e co traballo educativo en contextos de privación de liberdade. 

Compartir:

linkedin