O curso de inserción laboral de comercio e almacén do programa Incorpora remata con nove contratacións na Coruña

O curso de inserción laboral de comercio e almacén do programa Incorpora remata con nove contratacións na Coruña

Parte do alumnado do Curso de Auxiliar de Comercio e Almacén.

O Curso de Auxiliar de Comercio e Almacén desenvolvido polo programa Incorpora na Coruña supuxo un trampolín e unha grande oportunidade para as 17 persoas que o finalizaron: nove delas atoparon emprego tras rematar este curso de inserción laboral, e espérase que se produzan novas contratacións proximamente.

Nove insercións laborais grazas ao traballo en rede do programa Incorpora e á colaboración das empresas

COGAMI, Fundación Érguete-Integración, IGAXES e Saúde Mental FEAFES Galicia, entidades do programa Incorpora na Coruña, traballaron en rede para atopar entre os seus usuarios persoas vulnerables ante o emprego que estivesen interesadas en formarse neste sector e encaixasen coa formación.

Finalmente, 20 persoas iniciaron esta formación profesional, e 17 delas rematárona satisfactoriamente. Todas traballaron competencias técnicas, prácticas e transversais para exercer como auxiliares de comercio e almacén, e realizaron prácticas non laborais en diferentes empresas socialmente responsables que colaboraron con este proxecto de inserción laboral.

Tras acabar o curso, ao cabo dunhas seis semanas, nove dos alumnos foron contratados, tres deles nas empresas nas que realizaron a parte práctica do curso: Brico Depôt, Springfield e Fifty Outlet A Coruña. Outros participantes atopábanse en procesos de selección, polo que se espera que o número de insercións aumente nas próximas semanas e se evidencie aínda máis o éxito deste curso de formación.

O compromiso social das empresas impulsa as contratacións

A colaboración das empresas foi primordial para o desenvolvemento dos participantes. Por un lado, abriron as súas portas para que puxesen en práctica os coñecementos adquiridos durante o curso e demostrasen a súa valía como profesionais; por outro lado, tres delas deron a algúns alumnos a oportunidade de quedar como empregados.

As empresas que formaron parte deste Curso de Auxiliar de Comercio e Almacén reforzaron as súas políticas de responsabilidade social corporativa e son un referente para outras compañías que aínda non coñecen nin colaboran co programa Incorpora, pois son un claro exemplo de que, con este tipo de accións, todo o mundo gaña.

Durante 2024, un total de 575 empresas contratou persoas pertencentes a colectivos vulnerables que procedían do programa Incorpora en Galicia. As nove entidades que conforman o Grupo Incorpora Galicia están desenvolvendo novos cursos de inserción laboral como o que hoxe presentamos cun obxectivo claro: achegar empresas con compromiso social e colectivos vulnerables.

Compartir:

linkedin