42 persoas privadas de liberdade acceden a un emprego tras o seu paso polo programa Reincorpora en Galicia

42 persoas privadas de liberdade acceden a un emprego tras o seu paso polo programa Reincorpora en Galicia

Charla da técnica de Autoemprego Incorpora, Marta Alonso, aos participantes do programa Reincorpora da Fundación Érguete-Integración.

O programa Reincorpora é unha iniciativa impulsada pola Fundación ”La Caixa” en colaboración co Ministerio do Interior que, a través da entidade estatal Traballo Penal e Formación para o Emprego, desenvolve itinerarios personalizados de inserción sociolaboral con persoas privadas de liberdade. 

A través dun enfoque de atención integral e individualizada, os profesionais Reincorpora encárganse de confeccionar itinerarios personalizados nos que se inclúe a formación para o emprego e a mellora de habilidades e competencias persoais, profesionais e dixitais para mellorar a empregabilidade das persoas participantes e impulsar a súa inserción sociolaboral

A importancia dos itinerarios personalizados e o traballo en rede do programa Reincorpora

Dende hai anos, a Fundación Érguete-Integración, entidade do Grupo Incorpora Galicia, desenvolve o programa Reincorpora nos centros penais de Teixeiro e A Lama e os Centros de Inserción Social (CIS) da Coruña e Vigo para reforzar os valores que facilitarán o camiño das persoas privadas de liberdade cara á integración social e laboral.

Para iso, as técnicas Reincorpora da entidade realizan unha valoración das capacidades, necesidades e dificultades de cada persoa e acompáñana ao longo do proceso de mellora do seu perfil profesional e as súas competencias persoais

Ademais, moitas das intervencións deséñanse co obxectivo de fomentar o establecemento de lazos coa comunidade e os axentes sociais da contorna. Para logralo, trabállase facendo bo xugo cos profesionais dos centros penais e doutras liñas de actuación do programa Incorpora, como as dedicadas á formación ou ao autoemprego.



Participantes do programa Reincorpora durante unha saída cultural.

As cifras do éxito do programa Reincorpora en Galicia

Ao longo de 2024, 93 persoas uníronse por primeira vez ao programa Reincorpora. Así mesmo, 42 participantes accederon a un emprego, 22 deles cun contrato indefinido. No caso da Coruña, un 38 % dos contratos foron indefinidos, mentres que en Pontevedra a cifra situouse nun 48 %.

Estes datos supoñen, sen dúbida, unha evolución moi positiva no relativo á estabilidade laboral de quen participa nesta iniciativa ao ver incrementadas as súas posibilidades de contar cun traballo seguro e a longo prazo. Ademais, todas as persoas que formaron parte desta edición valoraron moi positivamente o seu paso polo programa Reincorpora. 

No marco desta iniciativa, durante 2024 os participantes do programa tiveron a oportunidade de realizar diferentes actividades, entre as que destacan “Emoción e Prisionalización” e “Arte Corresponsable”, dous proxectos deseñados como servizos á comunidade nos que se promove a creación de vínculos coa contorna mediante a colaboración en diversas accións e a relación con outros axentes. 



Participantes no servizo á comunidade “Arte Corresponsable”, realizado en 2024.

Durante o primeiro servizo á comunidade, a través de dinámicas propostas por estudantes de Educación Social na Universidade da Coruña, o equipo traballou as emocións e o concepto de prisionalización co obxectivo de minimizar o sentimento de exclusión, fomentar a súa participación na comunidade e establecer a colaboración entre ambos grupos, promovendo a superación de prexuízos sobre o colectivo de persoas privadas de liberdade. 

Co segundo proxecto buscouse fomentar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e dar a coñecer as alternativas laborais que ofrece a formación profesional, á vez que se tenderon pontes entre a comunidade educativa e as persoas privadas de liberdade coa participación de alumnado do CIFP Montecelo de Pontevedra.

O impacto transformador dos servizos á comunidade

Os servizos á comunidade dentro do programa Reincorpora supoñen un impulso fundamental para as persoas que participan nun itinerario de inserción sociolaboral, xa que potencian:

  • A adquisición de valores como o compromiso, a responsabilidade ou o traballo en equipo, que reforzan hábitos de vida positivos e contribúen á mellora da autoestima e a confianza. 
  • A reinserción social positiva, ao facilitar o restablecemento de lazos coa comunidade e axudar a cambiar a percepción social sobre as persoas en proceso de reinserción.
  • A mellora da empregabilidade, pois ofrecen unha experiencia práctica en distintos ámbitos de actividade e permiten desenvolver competencias persoais e profesionais nun entorno real.

Estes servizos forman parte dun proceso integral que non só busca a reinserción laboral, senón que serve tamén como ponte cara á integración plena na sociedade, xa que facilita a transformación persoal e a reconstrución do proxecto de vida dos participantes.

Compartir:

linkedin