Cruz Vermella Ourense organiza un obradoiro de empoderamento e empregabilidade para vítimas de violencia de xénero
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
Cruz Vermella Ourense organiza un obradoiro de empoderamento e empregabilidade para vítimas de violencia de xénero
Eva Rodríguez, membro do servizo de protección da unidade de familia e muller (UFAM) do Corpo Nacional de Policía de Ourense, durante unha charla ás participantes do obradoiro.
Cruz Vermella Ourense organizou o primeiro Obradoiro de empoderamento e mellora da empregabilidade para mulleres vítimas de violencia de xénero. A citada iniciativa enmarcouse nas accións que emprende a entidade como parte do Grupo Incorpora Galicia para potenciar e facilitar a inserción laboral de diferentes colectivos vulnerables.
O obxectivo desta actividade foi reforzar algunhas das aptitudes que poden axudar a mellorar a empregabilidade das mulleres que viviron esta situación. Desta maneira, fomentouse o seu empoderamento para evitar o seu illamento e, a través da orientación e formación, fortaleceuse a súa autoestima, autocoñecemento e creación de redes de apoio.
Así, durante o obradoiro, as mulleres puideron adquirir e/ou potenciar aquelas competencias e habilidades necesarias para mellorar a súa posición fronte á súa inserción laboral e social. Ademais, tamén se formaron no uso das novas tecnoloxías para mellorar o seu nivel de competencias dixitais e facilitar o seu manexo nas xestións diarias, obtendo así unha maior autonomía persoal.
O grupo de asistentes estivo formado por 10 usuarias do programa Incorpora que acudiron de forma presencial ás instalacións de Cruz Vermella Ourense durante as 30 horas que durou a formación.
Sororidade e formación para as vítimas de violencia de xénero
Todas as participantes aseguran terse sentido moi cómodas neste obradoiro ao compartir experiencias co resto do grupo. Desta maneira, e ao teren vivido situacións moi semellantes, formouse un grupo moi cohesionado no que primaba o respecto e a sororidade. Así, as asistentes ao obradoiro mostraron en todo momento apoio mutuo e a clara intención de evitar o illamento no futuro.
Ademais, e como parte da formación, Eva Rodríguez, membro do servizo de protección da unidade de familia e muller (UFAM) do Corpo Nacional de Policía de Ourense, impartiu o relatorio “Recursos de protección para mulleres vítimas de violencia de xénero”. A charla transcorreu nun formato moi ameno e lúdico para que as participantes se puidesen ver identificadas e resolvesen as súas dúbidas máis habituais ao longo da xornada.
Sobre esta iniciativa, unha das mulleres en risco de exclusión social que asistiu ao evento comentou que lle foi moi útil, interesante e educativa xa que, ao ser doutro país, hai moitos procedementos que descoñecía como o proceso para poñer a denuncia, o seguimento que se fai das vítimas e o acompañamento que se recibe por parte da policía. O resto de participantes tamén fixo unha valoración moi positiva do obradoiro, destacando unicamente que lles tería gustado que durase máis.
Accións para potenciar o empoderamento feminino
Esta acción formativa é parte de todas as iniciativas que se impulsan dende o programa Incorpora para fomentar o empoderamento das mulleres, entre elas as vítimas de violencia de xénero. Todas estas accións van encamiñadas a promover a súa autonomía persoal como trampolín para conseguir unha ocupación de calidade que lles dea a autonomía que tanto necesitan.
Paralelamente, e como co resto de colectivos vulnerables, dende o programa Incorpora impúlsase o fomento da contratación feminina. Deste xeito, as empresas non só potencian as súas políticas de responsabilidade social corporativa, senón que promoven a igualdade de xénero no ámbito laboral.


