“Para a eliminación dos tabús vixentes é moi necesaria a formación e información sobre saúde mental”

“Para a eliminación dos tabús vixentes é moi necesaria a formación e información sobre saúde mental”

Marta Rodríguez, técnica de Incorpora de FEAFES Galicia.

Desde que comezou a súa andadura no 1995, FEAFES Galicia, entidade adherida ao programa Incorpora, centra o seu labor no desenvolvemento profesional e persoal de persoas con problemas de saúde mental. Marta Rodríguez, técnica de Incorpora da entidade, cóntanos a súa experiencia co programa.

Impulsando oportunidades laborais para persoas con problemas de saúde mental

FEAFES Galicia, cóntanos Marta, orienta os seus servizos á atención de familiares e persoas con problemas de saúde mental. O traballo que levan a cabo baséase nunha atención integral, abranguendo diferentes ámbitos que interveñen no desenvolvemento da persoa, como a área social, familiar ou laboral, o lecer e a participación na comunidade.

Como técnica de Incorpora, desde o Servizo de Emprego da entidade, desenvolve funcións de intermediación laboral e prospección empresarial. O seu principal obxectivo é “facilitar a inserción laboral das persoas que acoden ao Servizo de Emprego da entidade, mediante orientación laboral personalizada, formación e apoio, tanto para a consecución como para o mantemento do posto de traballo”, apunta Marta.

Trátase dun traballo multidisciplinar que intenta ofrecer unha atención integral e dar resposta á pluralidade e complexidade das demandas e necesidades que se presentan. “Cando un usuario accede ao servizo de emprego realízase, en primeiro lugar, un labor de identificación de demandas e necesidades, determínanse os factores que están incidindo na súa empregabilidade e deséñase o seu itinerario de inserción laboral personalizado”, explícanos Marta.

Un día a día cheo de recompensas

Tal e como salienta Marta, o día a día dun técnico de Incorpora está cheo de recompensas: “desde que unha persoa consiga os obxectivos que marcara e ti puideses acompañala durante todo o proceso, ata sentirte parte útil dun equipo de traballo”, explícanos.

Pero tamén “require moito esforzo, compromiso e dedicación”. Para Marta, o máis difícil “é decatarse de que aínda existen numerosas barreiras, e que para a eliminación dos tabús vixentes é moi necesaria a formación e información sobre saúde mental”, sinala.

Incorpora: un programa que axuda a crear unha sociedade máis xusta

Durante o 2017, a través do programa Incorpora, FEAFES Galicia atendeu a un total de 364 persoas con trastorno mental en busca de emprego, xestionou 117 ofertas de traballo e impulsou a inserción laboral de 71 persoas. Ademais, desenvolvéronse tres accións formativas a través das cales 14 persoas encontraron un traballo.

Todo iso foi posible grazas ao traballo de FEAFES Galicia, á coordinación con outras entidades Incorpora e á colaboración e o compromiso das empresas contratantes. A través da entidade, o ano pasado asináronse 8 novos convenios con empresas a través do programa Incorpora.  

Para Marta, “unha sociedade é máis rica canto máis diversa é, cando se inculca o respecto ás diferenzas e se favorece a inclusión das persoas en risco de exclusión social, tal e como acontece co programa Incorpora”.

Compartir:

linkedin