Maranatha abre as súas portas: o novo negocio vegano, vexetariano e libre de glute de Sara e Leticia, dúas mulleres emprendedoras

Maranatha abre as súas portas: o novo negocio vegano, vexetariano e libre de glute de Sara e Leticia, dúas mulleres emprendedoras

Maranatha, o novo local de comida para levar vexetariana, vegana e sen glute, atópase en Vigo.

As persoas vexetarianas, veganas e intolerantes ao glute teñen un novo establecemento de referencia na cidade de Vigo. No número 20 da Avenida da Florida colga dende principios do mes de xullo o cartel de Maranatha, un local de comida preparada vexetariana, vegana e sen glute rexentado por Sara Pérez Rodríguez e a súa irmá Leticia. Coñecemos esta historia de mulleres emprendedoras xunto a Autoemprego Incorpora e a Fundación Érguete.

Maranatha é un exemplo de esforzo e superación para o que nin sequera a pandemia foi un impedimento. É o resultado da gana de dúas irmás de montar un negocio que as representase e que, para facelo realidade, confiaron no PAI da Fundación Érguete-Integración, xestionado por Marta Alonso, onde atoparon a axuda e o asesoramento que necesitaban.

Maranatha, unha idea de negocio con moito significado

A propia experiencia persoal de Sara e Leticia é a responsable de que nacera este negocio vegano. Cada unha ten un fillo con trastornos alimenticios e alérxicos, polo que entenden as persoas que se afastan das dietas máis tradicionais e coñecen os seus posibles obstáculos.

A apertura na Florida responde ás comodidades propias de coller alí mesmo a comida de cada día, así como para ofrecer esta posibilidade a moitas outras nais ou pais que recollen os seus fillos en colexios próximos.

Sara asegura que foron moitas familias as que anteriormente lle pediran receitas e pratos, e que tamén iso foi un impulso para acudir ao Punto Autoemprego Incorpora, na sede da Fundación Érguete-Integración, e emprender este novo negocio.

Aínda que xa existen en Vigo restaurantes veganos e outros con opcións sen glute na súa carta, trátase da primeira proposta de comida para levar destas características na cidade. A súa cociña baséase en receitas tradicionais e atractivas para os máis pequenos da casa, podendo atopar pan, pizzas, croquetas, lasañas ou tortillas aptas para quen deixa a un lado os produtos de orixe animal e o glute.

Autoemprego Incorpora e o seu apoio ao empoderamento feminino

Malia teren a idea de negocio moi clara, Sara e Leticia non sabían como crear unha empresa ou que axudas a emprendedores existían. Por iso, foron derivadas ao Punto de Autoemprego Incorpora, un servizo que a Fundación Érguete coñece ben, pois ten un convenio de colaboración co programa Incorpora. Alí, estas irmás coñeceron a Marta, a técnica de prospección que as guiou e acompañou en todo o proceso e que supuxo un grande apoio para elas. “Facilitounos moitísimo as cousas, tivo moita paciencia e soubo orientarnos en todo momento”, comenta unha das irmás cando lle preguntamos por ela.

Xunto a Marta, Sara e Leticia prepararon o plan de negocio e resolveron as súas dúbidas sobre o financiamento para emprendedores e outras axudas dispoñibles para mulleres emprendedoras. Unha vez que remataron todos os pasos que tiñan que seguir, o seu soño fíxose realidade: Maranatha abriu as súas portas.

Como elas, moitas outras persoas con gana e ilusión por teren a súa propia empresa confiaron este ano na liña de autoemprego do programa Incorpora da Fundación ”la Caixa” e nos seus técnicos para resolver as súas dúbidas sobre como emprender un negocio e o financiamento que podían solicitar.

Compartir:

linkedin