Os alumnos de cociña do PFI de Ourense visitan o restaurante Nopal como parte da súa formación práctica

Os alumnos de cociña do PFI de Ourense visitan o restaurante Nopal como parte da súa formación práctica

O pasado 17 de marzo, os alumnos do curso de cociña xestionado desde o Punto Formativo Incorpora de Ourense, acudiron ao restaurante Nopal para coñecer de preto o traballo diario que se leva a cabo nunha cociña profesional.

Desta forma puideron descubrir como se poñen en práctica os coñecementos técnicos que adquiriron ata a data no sector da restauración. A visita organizouse con motivo da fin do período de formación e como mostra dun exemplo práctico de posible empresa onde incorporarse nun futuro próximo.

Á visita acudiron 20 alumnos do curso xunto coa técnica de inserción laboral Patricia Vázquez, quen explica: “Esta visita achega un valor engadido a todos os contidos técnicos traballados ata o momento”.

Alí foron atendidos polo propio xerente de Nopal, ademais do cociñeiro e o axudante de cociña. Unha primeira toma de contacto co restaurante mexicano, quen non descarta colaborar no futuro co programa Incorpora de diversas maneiras.

“Esta visita permítenos dar a coñecer o noso local e a nosa forma de traballar, ao mesmo tempo que coñecemos persoas que están formándose en hostalaría e que poderían encaixar no noso equipo de traballo”, comenta o xerente do restaurante Nopal.

“Se fose posible, consideraría facer as prácticas aquí”

O programa Incorpora apostou pola visita ao Nopal por ser un restaurante cunha ampla oferta de receitas tradicionais mexicanas onde prima a calidade: ademais de utilizar produtos frescos a diario, dispón de carta sen glute, apta para celíacos, e servizo de repartición a domicilio.

Tras a actividade, Luz Maricela Medina, unha das alumnas do curso, agradeceu a visita e explicou que lle pareceu moi enriquecedora. ”Se fose posible, consideraría facer as prácticas aquí”, engadiu. 

Compartir:

linkedin