Arrinca a II edición do proxecto InOut de Reincorpora no centro penal A Lama de Pontevedra
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
Arrinca a II edición do proxecto InOut de Reincorpora no centro penal A Lama de Pontevedra
Na foto, María Rodríguez, técnica de Reincorpora, xunto cun dos participantes do programa durante unha titoría.
Por segundo ano consecutivo, a Fundación Érguete-Integración impulsará a reinserción sociolaboral de 15 persoas privadas de liberdade do centro penal A Lama de Pontevedra a través do proxecto InOut de Reincorpora, unha “viaxe educativa” de dez meses que permite que os internos accedan ao terceiro grao tras superar a primeira fase formativa e, a partir de aí, impulsar a súa entrada ao mundo laboral a través das prácticas en empresa.
Abrindo novas portas laborais a través do proxecto InOut
O proxecto InOut de Reincorpora ten como obxectivo lograr a incorporación laboral de persoas privadas de liberdade a través dun itinerario personalizado de 10 meses. Mediante esta metodoloxía conséguese formar os participantes nun oficio, mellorar as súas habilidades sociais, facilitar o seu acceso ao mercado laboral e conseguir a súa plena inclusión social e laboral.
InOut divídese en dúas fases: unha, In, de 4 meses e outra, Out, de 6 meses. Durante a fase In, que se desenvolve dentro do centro penal, os internos fórmanse nun oficio, participan en obradoiros de posicionamento ante o emprego e prepáranse para o desenvolvemento do servizo solidario á comunidade, unha das etapas incluídas no itinerario de integración sociolaboral que seguen os usuarios de Reincorpora. Ao finalizar esta fase, de 230 horas de duración, os participantes reciben un certificado de profesionalidade.
Na fase Out, que se leva a cabo en réxime aberto, os participantes fórmanse nun segundo oficio, realizan prácticas non laborais en empresa, participan nun servizo solidario á comunidade e comezan a última etapa do seu itinerario, na que reciben asesoramento e acompañamento na busca de emprego, incorporación ao posto de traballo e mantemento do emprego. Esta acción formativa complementa a xa recibida durante a primeira fase, con 90 horas de formación teórico-práctica e 80 horas de prácticas laborais en empresa, ata acadar as 170 horas lectivas.
Durante esta edición de InOut, os internos especializaranse na limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais durante a súa fase In no centro penal A Lama de Pontevedra, que complementarán cunha formación de limpeza de espazos abertos durante a fase Out que desenvolverán no Centro de Inserción Social (CIS) de Vigo.
As 9 insercións laborais da I edición do proxecto InOut ratifican o seu éxito
A través desta iniciativa, durante o 2017 a Fundación Érguete-Integración formou outros 15 persoas privadas de liberdade deste mesmo centro penal en xardinaría e floraría, logrando a inserción laboral de 9 deles tras a finalización do seu itinerario de integración.
Ademais, tamén incluíu unha innovadora experiencia que consistiu en reunir os seus participantes coas nais fundadoras de Érguete. “Quixemos que coñecesen mulleres que eran amas de casa e nais, moitas cun nivel académico inferior ao que podemos ter moitos de nós, pero que se enfrontaron a un problema no que estaban soas como era a adicción dos seus fillos nunha sociedade que descoñecía totalmente o problema da droga”, explicaba recentemente María Rodríguez, coordinadora do programa Itínere da entidade, do que forma parte esta iniciativa, nunha entrevista concedida ao Faro de Vigo.
Cómpre salientar que o éxito da pasada edición do proxecto InOut non tería sido posible sen a colaboración das empresas e entidades que participaron na formación teórica e práctica destas persoas privadas da súa liberdade, como a Fundación Sales ou as empresas Cormo Integral e Raíces de Galicia, que tamén contrataron a varios usuarios ao finalizar o curso. “Foi moi gratificante, non só participar na formación práctica dos internos, senón ter contribuído a materializar o seu soño: ter un emprego”, afirmou a responsable da empresa de inserción Cormo Integral, Charo González, tras finalizar a I edición do proxecto.


