6 usuarios do programa Incorpora Galicia participan nun obradoiro práctico sobre informática
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
6 usuarios do programa Incorpora Galicia participan nun obradoiro práctico sobre informática
Algúns dos alumnos do curso xunto cunha voluntaria do programa de Voluntarios de ”la Caixa”.
A Fundación JuanSoñador de Galicia, entidade colaboradora do programa Incorpora, organizou un obradoiro sobre habilidades informáticas, no marco do seu programa Teranga de atención a persoas migrantes, no que participaron 6 usuarios do programa Incorpora.
Este obradoiro, que foi incluído, ademais, na programación da Social Week de ”la Caixa”, permitiu desenvolver as competencias transversais dos alumnos, un dos piares clave do Método Incorpora, e facilitarlles ferramentas imprescindibles, hogano, na busca de emprego, como son o manexo de internet e do correo electrónico.
Formación práctica para impulsar a integración laboral
Durante as semanas nas que se impartiu o obradoiro, os seis usuarios do programa Incorpora aprenderon a desenvolver as súas competencias no mundo da informática, especialmente enfocadas ao uso do correo electrónico.
Hoxe en día as habilidades dixitais son imprescindibles á hora de buscar un emprego. Por iso, o curso, simplemente práctico, centrouse en lograr que os participantes dominasen ferramentas como o correo electrónico, coñecesen as mellores técnicas para elaborar correctamente un currículo ou soubesen atopar a través de diferentes plataformas en liña as ofertas que máis se adapten ás súas aptitudes.
A realización do obradoiro foi posible grazas á colaboración do programa de Voluntarios de ”la Caixa”, responsable da execución do curso, e da Fundación JuanSoñador, que, a través do programa Incorpora e do seu programa Teranga, traballa para mellorar a vida das persoas migrantes a través de accións que favorecen a súa inserción sociolaboral.
Voluntariados que cambian vidas
Fiel ao seu compromiso coa sociedade, no 2005, CaixaBank creou a Asociación de Voluntarios de ”la Caixa”, formada por empregados e xubilados da entidade, así como familiares, amigos e clientes. Unha iniciativa xurdida co obxectivo de dar solución a diferentes problemáticas sociais, entre as que salientan a pobreza infantil e a exclusión laboral de colectivos socialmente vulnerables.
Actualmente, os máis de 10.000 voluntarios que forman parte da asociación dedican o seu tempo de maneira altruísta e solidaria aos programas que organizan as diferentes delegacións territoriais, sempre a prol dos dereitos humanos, a paz e a dignidade das persoas.
Grazas á participación dos voluntarios de ”la Caixa” nas diferentes iniciativas impulsadas desde Incorpora, á súa dedicación desinteresada e á súa experiencia persoal e profesional, conseguimos fomentar a empregabilidade de persoas en risco de exclusión e garantir a igualdade de oportunidades laborais.


