Natalia González logra a inserción laboral tras formarse co programa Incorpora

Natalia González logra a inserción laboral tras formarse co programa Incorpora

Á esquerda, Mercedes Mariño, técnica de inserción laboral en Asociación APES; e á dereita, Natalia González, usuaria Incorpora.

Natalia González buscaba emprego, polo que estaba aberta a formarse e a acreditar a súa experiencia laboral para aumentar as posibilidades de conseguir o seu obxectivo: a inserción laboral. Foi en 2021 cando tivo o primeiro contacto coa Asociación APES, entidade do Grupo Incorpora Galicia: “Cando me decatei de que facían formacións, decidín unirme ao programa Incorpora como beneficiaria”, explica a usuaria.

A gana de medrar persoal e profesionalmente de Natalia, unida ao acompañamento e á formación que atopou na Asociación APES, tiveron uns resultados máis que esperados: a súa inserción laboral.

A formación profesional como vía para aumentar as posibilidades de contratación

Natalia coñeceu o proxecto de inserción laboral do que forma parte a Asociación APES a través dun familiar que tivo unha boa experiencia con ela. Así foi como estableceu contacto con Mercedes Mariño, técnica Incorpora que a acompañou no seu itinerario de formación e na busca de emprego.

“Necesitaba formarme para actualizar o meu currículo e acreditar a miña experiencia laboral, así que decidín anotarme a un Curso de Operario/a de Limpeza”, comenta Natalia. Ademais, tamén participou en varias formacións prelaborais “como complemento para gañar seguridade e desenvolver competencias coas que superar procesos de selección”.

Obxectivo conseguido: Natalia atopa un emprego co apoio da súa técnica Incorpora, Mercedes

Natalia, grazas ao acompañamento no proceso de busca de emprego e actualización do seu currículo e a formarse e actualizarse, conseguiu un emprego como operaria de fábrica nun posto para o que, afirma, ten “coñecementos técnicos, experiencia e habilidades”.

Meses despois de conseguir a súa esperada inserción laboral, a usuaria comenta que este traballo lle dá moita tranquilidade, xa que lle brindou estabilidade económica e persoal. “Ademais, encántame o que fago!”, engade.
Para finalizar, Natalia quixo salientar a relación que mantivo e continúa mantendo coa técnica, Mercedes, pois afirma que é positiva e que lle deu moita “confianza e seguridade”, ofreceulle un trato personalizado en todo momento e axudoulle a manter a calma no proceso de busca de emprego e a non agoniarse cando non obtiña os resultados que esperaba.

O programa Incorpora continúa poñendo o foco nas insercións laborais

A de Natalia é unha das 1076 insercións laborais que se produciron durante 2022 co apoio das nove entidades que conforman o programa Incorpora da Fundación ”la Caixa” en Galicia, e espérase que esta cifra siga aumentando nos próximos meses.

A súa historia é un claro exemplo de como a formación especializada, así como os itinerarios personalizados e o acompañamento que se ofrecen dende o programa, son unha combinación perfecta para que persoas en risco de exclusión social medren persoal e profesionalmente.

Compartir:

linkedin