A inserción laboral de Marco, unha historia de superación ao lado do programa Incorpora
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
A inserción laboral de Marco, unha historia de superación ao lado do programa Incorpora
Marco logrou cambiar de sector tras formarse no Punto de Formación Incorpora xestionado pola Fundación Érguete-Integración.
Hoxe coñecemos a Marco, un rapaz vigués de apenas 25 anos que, malia os obstáculos que atopou ao longo da súa vida, é o mellor exemplo de que non importa cantas veces caes, senón cantas te levantas.
Da súa propia voz, descubrimos a súa historia. Unha desas nas que todo parece torcerse nun principio para volver ao seu sitio ao final grazas á vontade e gana de medrar do seu protagonista. Neste caso, ademais, no camiño contou co respaldo dos profesionais Incorpora que o acompañaron en todo o proceso para acadar, ao fin, unha ansiada estabilidade profesional e persoal.
Uns inicios difíciles
A educación, o acubillo e os inicios da vida de Marco non foron xunto aos seus pais, senón que foi alternando estancias en centros de acollida con tempadas vivindo coa súa avoa. Por iso, e como única figura familiar de referencia, sempre estivo moi unido a ela, e o día que esta finou, Marco quedou desamparado e perdido. “Cando a miña avoa morreu, tiven que espertar eu”, puntualiza o rapaz.
Naquel momento, trasladouse á casa dos seus tíos que, nun principio, o animaron a estudar aínda que ao final decidiu lanzarse ao mundo laboral e buscar a inserción laboral. Cando soubo que unha empresa de automoción buscaba un mozo de almacén, Marco preparouse para a súa primeira entrevista de traballo. “Estaba moi tenso, era unha situación que non vivira nunca, pero levei a alegría da miña vida cando me dixeron que contaban comigo”, lembra sorrinte.
Tras uns meses na casa familiar, Marco decatouse de que a convivencia non funcionaba cos seus tíos, así que decidiu ir vivir á casa dun amigo primeiro para independizarse pola súa conta despois. “Entrei con medo, non sabía nin cociñar”, comenta en broma o rapaz.
Porén, Marco non se acababa de afacer ao desgaste físico e mental que pode supoñer para moitas persoas a quenda de noite na que traballaba como carretilleiro. Ademais, nun control médico rutineiro foi diagnosticado de leucemia mieloide crónica, pola que se debe medicar pero que, por sorte, lle permite levar unha vida normal. “Atópome perfectamente”, puntualiza Marco.
Con todo, o mozo tivo que coller a baixa mentres se resolvía o seu diagnóstico e, ao volver ao seu posto de traballo, a empresa decidiu prescindir del sen darlle ningunha explicación. Toda esta suma de acontecementos volveu deixar a Marco nunha situación extremadamente vulnerable e, por iso, decidiu buscar axuda no programa Incorpora que sempre tende pontes para as persoas en risco de exclusión social coma el.
Un cambio de rumbo grazas aos Puntos de Formación Incorpora
Marco aproveitou os primeiros meses despois de quedar sen traballo para descansar. Porén, non foi todo o tempo que tivese querido, pois necesitaba unha fonte de ingresos o antes posible. No medio desta urxencia, desatouse a pandemia do COVID-19 e Marco precisa máis que nunca orientación laboral no medio da incerteza. Foi daquela cando Lourdes, a súa educadora familiar, lle falou da Fundación Érguete-Integración, entidade do Grupo Incorpora Galicia, que lle axudaría a sacar o graduado na ESO a través dun curso de preparación para as probas de acceso.
Ademais, case de forma casual, dende a entidade comentáronlle que se ía realizar un curso de auxiliar de traballos de xardinaría que xestionaba o Punto de Formación Incorpora e que lle podía axudar moito a conseguir a inserción laboral. “Sentín moito apoio e decidín facelo, que podía perder?”, comenta Marco sobre a formación, ao que tamén engade: “A maioría do tempo era de prácticas e pareceume moi divertido”. Foi durante este curso cando coñeceu a Leo, a súa profesora, de quen di que quedou especialmente sorprendido polo seu coñecemento de todo o temario: “Nunca terei palabras de agradecemento abondas para ela”.
Durante o curso, Marco mostrou especial interese en diversos ámbitos: “No bloque de competencias transversais realizamos un obradoiro de educación financeira impartido por Voluntarios de Fundación ”la Caixa” no que aprendín moito. Tamén me pareceu moi interesante todo o que nos contaron sobre as formas de comunicación”. É neste último aspecto, as habilidades comunicativas, onde as profesionais de inserción laboral de Fundación Érguete-Integración nos comentan que Marco se atopaba especialmente cómodo e amosaba moita predisposición á aprendizaxe.
A inserción laboral: a recompensa ao esforzo de Marco
Cando aínda non finalizara o curso, xurdiu unha vacante en EIL Cormo Integral, a empresa colaboradora que impartía parte da formación, e viron en Marco ao candidato ideal: “Cando me propuxeron a oferta laboral mostreime feliz, pero no tanto como o estaba realmente. Por dentro estaba tirando foguetes”, lembra o rapaz.
Desta maneira, e grazas á especialización que lle ofreceu o programa Incorpora, Marco puido conseguir un contrato laboral para desenvolver funcións de xardinaría forestal, un sector polo que descubriu que ten especial predilección e, ademais, habilidades: “Teño unha nova oportunidade e, aínda por riba, en algo que descubrín que me gusta”
Así, o vigués non só atopou por fin a súa esperada inserción laboral, senón que fixo un cambio de perspectiva e de estilo de vida. Pasou de traballar nunha fábrica a estar ao aire libre, de resignarse a un horario nocturno ao que non se acababa de afacer a unha xornada matinal, e puido esquecer un pasado complicado para facer fronte a un futuro esperanzador. “Pasei dun traballo que odiaba, encerrado nunha fábrica, a outro rodeado de natureza que me encanta. O cambio foi incrible para min”, resume emocionado.
“O apoio do programa Incorpora fixo que me esforzase ao máximo”
“Sinto que o programa Incorpora e as técnicas de Fundación Érguete-Integración son piares nos que podo confiar e, por iso, estou moi agradecido con todos eles”, empeza comentando Marco cando lle preguntamos pola valoración do seu paso polo programa Incorpora. Ademais, salienta o seguimento continuo co que contou tanto antes como durante e despois da súa inserción laboral, onde todos os profesionais da iniciativa laboral da Fundación ”la Caixa” que o acompañaron puxeron todo o seu empeño, á vez que respondían á demanda de persoal de EIL Cormo Integral, unha empresa con compromiso social.
Por outra banda, o rapaz confesa que, aínda que xa contaba cunha motivación propia por mellorar a súa traxectoria laboral, o programa Incorpora tamén tivo un papel fundamental na súa proactividade ante a formación e inserción laboral. “O trato recibido polas técnicas de Fundación Érguete-Integración en particular, e a atención do programa Incorpora en xeral, fixeron que me esforzase ao máximo”.


