“Puiden eliminar da miña vida moitas barreiras que me autoimpoñía”
Actualidad
Conoce las últimas noticias de Incorpora en tu territorio y la información más relevante de cada comunidad.
“Puiden eliminar da miña vida moitas barreiras que me autoimpoñía”
Patricia no seu posto como operaria de lavandaría no Sanatorio Nosa Señora Dos Ollos Grandes (Lugo).
Patricia buscaba unha oportunidade laboral que non acababa de chegar. Hoxe, grazas ao apoio recibido dende Saúde Mental FEAFES Galicia, ten un posto de traballo que lle dá seguridade e satisfacción no seu día a día. Coñecemos da súa propia voz como foi o camiño que a levou ata a meta: a inserción laboral.
Patricia coñeceu Saúde Mental FEAFES Galicia a través dos servizos sociais. Alí comentáronlle que os servizos ofrecidos pola entidade, entre eles o programa Incorpora, podían ser o empuxón que lle faltaba para conseguir a ansiada inserción laboral que levaba tempo buscando.
“Entre moitos dos temas sobre orientación laboral dos que falei coa entidade, explicáronme o programa Incorpora e todo o seu funcionamento. Chamoume a atención deseguido, polo que decidín comezar a participar nel”, resume a moza.
Acompañamento a medida
Dende o primeiro momento, a Patricia deseñóuselle un itinerario sociolaboral personalizado de acordo coas súas aptitudes, motivacións e necesidades, pero que respondía tamén ás demandas de persoal cualificado do tecido empresarial de Lugo.
Así resume a usuaria o apoio recibido dende a entidade do Grupo Incorpora Galicia: “Sempre houbo moi boa relación coa entidade. Apoiáronme dende o principio, axudáronme a valorarme a min mesma e a traballar a miña autoestima. A comunicación foi moi fluída e sempre marcamos os obxectivos en conxunto, nunca me impuxeron nada”.
A constante comunicación, tal e como comenta Patricia, é un dos puntos fortes do programa Incorpora e dos seus profesionais da inserción. Desta maneira, respóndese ás demandas dos usuarios e dáselles solucións viables para acadar as súas metas laborais.
Entre as diferentes tarefas dos técnicos de inserción tamén se encontra o seguimento posterior que realizan aos traballadores unha vez que conseguen un posto de traballo. Do mesmo xeito, os profesionais Incorpora manteñen a relación coa empresa colaboradora para comprobar que tamén está satisfeita coa inserción.
Atreverse a dar o paso
Patricia confesa que cando xurdiu a oportunidade laboral non cría demasiado nas súas posibilidades: “Avisáronme dende Saúde Mental FEAFES Galicia que había dispoñible un posto de lavandaría no sanatorio e que se trataba dunha boa oportunidade para enviar o meu currículo. Ao principio non me vía preparada pero, despois de falar coas técnicas e resolver algunhas dúbidas, decidín dar o paso”, explica orgullosa. A vacante viña dende CaixaBank que, como en moitas outras ocasións, derivou a oferta de traballo ás entidades do programa Incorpora para facilitar o acceso ao mundo laboral dos colectivos máis vulnerables.
A usuaria explica que dende o primeiro día se sentiu moi integrada no posto de traballo e que a relación cos seus compañeiros é excelente. “Encántame o meu traballo e ir traballar”, admite sorrinte.
A través da inserción laboral e de todo o acompañamento recibido dende Saúde Mental FEAFES Galicia, Patricia comenta que adquiriu non só novos coñecementos e habilidades, senón tamén a capacidade de saber que pode facer calquera cousa que se propoña. “Aprendín que non debo ter medo de intentalo”, explica orgullosa.
Moito máis ca unha inserción laboral
A usuaria confesa que todo o proceso lle serviu para aumentar exponencialmente as súas posibilidades de atopar un emprego e superar algunhas trabas persoais que ela mesma se impuxera: “Grazas a este proceso puiden eliminar da miña vida moitas barreiras que me autoimpoñía, como non verme capaz de traballar de algo que non fose relacionado coa miña experiencia anterior”.
Cando se lle pregunta a Patricia sobre o que cre que conseguiu da súa colaboración co programa Incorpora, responde: “Entre outras cousas, a valorarme. Logrei verme capaz de facer máis cousas das que cría e agora sei manexar o medo ante situacións como unha entrevista de traballo ou o feito de enviar eu mesma a miña candidatura a unha oferta de emprego”.
A traballadora do Sanatorio Nosa Señora Dos Ollos Grandes explica que a súa nova situación lle fixo estar máis a gusto consigo mesma, xa que grazas a esta oportunidade laboral se sinte “con máis enerxía ca nunca”.
As persoas con trastornos mentais son un dos colectivos que máis barreiras atopan á hora de buscar emprego. Por ese motivo, o programa Incorpora traballa na súa inserción social e laboral, e busca novas metodoloxías para fomentar a súa integración nas empresas. Tanto é así que, só na provincia de Lugo o ano pasado, o programa de inserción laboral de ”la Caixa” facilitou a inserción laboral de 80 persoas con problemas de saúde mental.


